miércoles, 2 de marzo de 2011

DE QUE LIBROS IMOS ESCRIBIR?

Pois de...
QUERIDOS MONSTRUOS, de Elsa Bornemann, editorial Alfaguara. É un libro cheo de medo, intriga e terror que relata dez incribles historias que te mergullarán nun mundo de acción e misterio do que non poderás escapar, perfecto para unha noite de cativas, para unha reunión cos amigos ou para unha acampada. Nestes dez impresionantes e variados contos encontrarás as respostas ás preguntas que algún día te poderías facer se te chegase a saír ese lado malévolo que todos levamos dentro. Espeluznantes respostas que farán que un calafrío recorra o teu corpo e te enganche desde a primeira páxina, e que fará que non sexas quen de soltar o libro ata telo rematado. Desde nenos serpes a zapatillas asasinas, pasando por mulleres lobo, que te axudarán a disfrutar dunha terrorífica lectura coa que gozarás ao máximo. Emma Arias.


A SEREA DA ILLA NEGRA, de Agustín Fernández Paz, de Edelvives Tambre. Trata  dunha nena que perde ao seu irmán maior no mar porque como non era quen de pescar nada, marchara á Illa Negra onde dicían que había moitos peixes, pero que estaba habitada por unha malvada serea. A cativa encontra a barca do seu irmán e dentro dela unha caracola que falaba, que estaba ao servizo da Dona das Augas, e que se ofreceu a axudala se ela, á súa vez, encontraba a dúas irmás súas. Faino e... A min, Anxo Balado, a historia paréceme moi interesante e apta para nenos aos que lle guste a fantasía.


ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS, de Lewis Carroll, editorial Alianza. É a historia dun máxico soño no que Alicia, a protagonista, camiña por unha sala subterránea na que hai comidas e bebidas, que ela consome; coñece ao gato de Cheshire, que ve aparecer e desaparecer calquera parte do seu corpo, e deixa no aire, só, un sorriso. Recoméndovolo porque as aventuras que se experimentan son impresionantes. Razvan Banariu.




DRAGALS. A HERDANZA DO DRAGÓN, de Elena Gallego Abad, de Edicións Xerais. Sentado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra, agarda a que chegue o tempo no que el, Dragal, recobre a vida. Hadrián, o protagonista do conto, aínda non o sabe, pero foi elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Pero, quen pode imaxinar que a vella igrexa medieval agocha as claves para atopar o camiño do último dragón galego? Gustoume porque a historia aínda non acaba e tamén pola intriga que che dá. Hugo Boo.



LUCÍA Y LA ESTRELLA PERDIDA EN BARCELONA, de Marina García Gurevich, editorial Serres. Lucía, a protagonista é unha nena que se vai de vacacións coa súa familia a Barcelona. Alí vivirá unha gran aventura buscando unha estrela, que a levará a sitios como Montjuic, Ciutat Vella..., onde se cruzará con varios personaxes. No libro encontrarás unha serie de pistas que te axudarán a seguirlle os pasos a esa estrela perdida en Barcelona. Eu, Antonieta Gil, quero suxerírvolo porque é moi interesante e divertido.


CORALINE, de Neil Gaimann, da editorial Salamandra. Esta é a fascinante historia dunha nena chamada Coraline que, ao se mudar de casa, encóntrase con que unha das catorce portas da súa nova casa está pechada e tapiada. Axiña descobre que pode abrir esa porta e que, tras dela, hai un pasadizo que a leva a un mundo moi parecido ao seu, pero moito mellor. Ao menos iso cre ela ata que se da de conta de que ese lugar non é tan fantástico, e alí vivirá unha emocionante aventura na que terá que buscar os seus pais e ás almas doutros nenos que, coma ela, caeron na trampa que ese estrano mundo lles tende. Gustoume porque ten unhas imaxes impresionantes. Helena González-Carreró.




LAS GOLEADORAS NO SE RINDEN, de Laura Gallego García, editorial Destino. A liga comeza, pero o equipo das Goleadoras non arranca moi ben. Pero Sara, Alicia, Virginia, Julia, Eva, Mónica, Viky, Ángela e, como non, David, o seu adestrador, non se rinden. Este libro non trata só de fútbol, tamén aparece nel a comedia, a intriga, e sobre todo de amistade, de xogo en equipo e de axuda. Para o meu modo de ver, é un dos mellores libros que lin, non só polo seu contido, senón por como o conta Laura Gallego, que é unha das mellores escritoras que coñezo. Isabel Jallas.


EL NIÑO QUE QUERÍA SER TINTÍN, de Santiago García-Clairac, ilustrado por Francesc M. Infante, da editorial SM. David é un neno de case nove anos que pensa que o mundo de Tintín, personaxe a quen admira por enriba de todo, é máis divertido ca o seu porque neste ten pelexas cos seus pais e os seus amigos. Ten unha amiga, Leticia, que comeza a comprendelo e da que se fai "amigo especial"... O final da historia é sorprendente e aberto. Recoméndovolo porque a historia é moi interesante e divertida, está de medo, pero non o é. Camilo Lavorel.


ROBINSON CRUSOE, de Daniel Defoe, da editorial Oxford Bookworms. Unha borrasca que sorprende á tripulación dun barco en plena noite acaba co navío, e os mariñeiros se perden no medio do mar. Só un, Robinson,  chega con vida a unha illa deserta e...alí vivirá moitas aventuras; ao principio só ata que dá con Venres. O final é moi, moi... emocionante. Badi Limam Sabut.





QUERES SER O MOZO DA MIÑA IRMÁ?, de Maite Carranza, da editorial Edebé-Rodeira. Alicia é unha nena de once anos que ten unha irmá maior chamada Sonia, que non a deixa en paz, sempre a está molestando. Entón ocórreselle que, tal vez, se ten Sonia un noivo a deixará tranquila. E comeza a buscar candidatos para noivos da súa irmá. Pero, conseguirao? Ademais, alguén estará disposto a selo? Terás que averigualo. Quen sabe? Irene Macías.




MÁIS RESPOSTAS ÁS PREGUNTAS QUE NUNCA TE FIXECHES, segundo volume da serie "Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches", de Philippe Nessman, de editorial Kalandraka, no seu selo Faktoría K. Cantos pelos ten un neno? Cantos litros de auga bebemos ao día? Algunha vez preguntácheste cousas e ninguén soubo responderchas? Pois agora, con este libro, saberás estas e máis cousas máis, e, sumándoo ao anterior doutro libro sorprenderás a todo o mundo. É un libro moi entretido e educativo. Ademais, sentiraste coma un sabio dicindo todo isto. E tes que saber que estes libros os sacan das preguntas máis pertinentes que colgan na páxina web que aparece ao final do libro. Anímate, está xenial! Pedro Porto.




LEJOS DE BONEVILLE, de Jeff Smith, da editorial Astiberri. Este libro é o inicio da saga que protagoniza unha especie de boneco que vive as súas aventuras nun val no que coñecerá a algunhas persoas que o axudarán nas súas peripecias. Lendo este cómic vivirás momentos graciosos e disfrutarás moito coas súas ilustracións. Guillermo Rodríguez Eekman.






A MARABILLOSA MEDICINA DE GEORGE, de Roald Dahl, de Edicións Xerais de Galicia. Trata dun neno chamado George que ten que quedar coa súa avoa e darlle a súa medicina; pero, en vez diso, comeza a mesturar todos os produtos da cociña, aceite, sal...; os do baño, pasta de dentes, colonias...; produtos de limpeza, quitamanchas, lavavaixelas; os dos coches..., e ao final, que? Se queres descubrilo, le o libro! É emocionante e nunca sabes que é o que lle vai pasar á avoa. Jorge Rodríguez-Rivera.





HARRY POTTER Y LA CÁMARA SECRETA, de J.K. Rowling, editorial Salamandra. Harry, que pasou un verán horrible cos seus tíos e que foi rescatado por Ron e os seus irmáns, disponse a asistir ao seu segundo curso en Hogwarts a pesar das advertencias en contra que lle fixeran. Durante o curso se van producir importantes feitos que encherán de medo aos estudantes e... Este libro é moi interesante e moi "aventureiro", ata ten un coche voador, e moitas máis cousas. Lédeo e saberedes que máis hai! Alejandro Torres.




EL FANTASMA DE CANTERVILLE, de Óscar Wilde, editado polo diario "El País". Unha familia rica norteamericana compra un castelo inglés de pasado tenebroso. O único habitante da mansión é unha pantasma, Sir Simon, que nalgúns momentos provocará persecucións e intriga. Cada día, no pazo, ocorrerán cousas do máis estraño. Ídelo pasar ben. Tirsa Vila.





No hay comentarios:

Publicar un comentario